Despois de 12 anos, Blogaliza bota o peche. GRAZAS!

Nestes ultimos 12 anos blogaliza foi unha illa na rede, un espazo para a lingua, para a expresión e para o intercambio. Pasou por moitas etapas, dende a hospedaxe nun servidor cedido pola Asociación AGNIX e a conectividade e o aloxamento físico no Cesga, ata o soporte empresarial de Algueirada.

Nos últimos tempos blogaliza fixo moito por voltar ás orixes: ao mantemento exclusivo por parte do seu titular. Pero os cambios no marco lexislativo que, nos proximos meses se van producir no noso contexto mudan sustancialmente as implicacións de manter un espazo como blogaliza, polo que xa non podemos seguir adiante.

Afogamos, levados tamen polo cambio de escenario no que significan as comunicación entre persoas en internet, e o que representan os blogues, hoxe. A Rede non é a mesma de hai 12 anos, e o sentido que daquela tiña blogaliza, hoxe os feitos case o deixan sen significado: só mantemos 80 blogues vivos. Moitos que madureceron neste alcouve deixaron blogaliza para mudar a outros hostings, e moitos máis morreron por inactividade.

Se nos últimos anos tentamos alixeirar o sistema, reducindo o spam, convertindo os blogues mortos en páxinas estaticas, agora o cambio normativo fai imposible seguir adiante.

A conclusión, en metáforas é sinxela: o rizoma volta á escuridade, a Zona Temporalmente Autónoma desaparece na neboa e blogaliza pecha as suas portas.

En feitos significa que o próximo día 25 de abril pechamos o sistema.
Neste mes que resta podes recoller as tuas cousas e migralas a outros hostings de wordpress. O proceso é sinxelo, como sempre foi (no menú Ferramentas, opción Exportar), e permitirache seguir a andaina do teu blog en terras máis propicias.
Foron moitos esforzos, moitas ledicias e unha enchente de amizade e vida.

Foi un placer.

Ate sempre.